lunes, 30 de diciembre de 2013

Esta é a clave

En Frautas en do, frautas en fa, frautas en outros sabores e en maior medida en ¿Voice flute ou tenor en re? falabamos das frautas de bico afinadas en re que podíamos considerar instrumentos transpositores. Decía entón que normalmente a súa música escribíase nunha tonalidade diferente ó resto de instrumentos. Iso que é algo normal nos ventos actuais tamén se da nas frautas de bico, ainda que sexa algo descoñecido para moita xente, incluso aquela con relación co mundo da música e, atrévome a decir, con contacto coa frauta de bico.

Hai puco, tras un mini concerto de salón que ofrecimos con Herbens Consort, nunha tertulia improvisada alguén me preguntou se tocaba a frauta alto en fa pensando nunha frauta en do e transportado ou ben tocando a nota real e empregando unha dixitación propia para a frauta. A pregunta ten máis do que aparenta.
Quen pregunta está partindo de que o normal é tocar unha frauta en do e non vai mal encamiñado: hoxe o normal é que nos ensinen de nenos cunha soprano e nos ensinen que
do = 0|123|4567
re = 0|123|456-
mi = 0|123|45--
fa = 0|132|4--- (¡Oh, dixitación alemana!)
etc.
Cando aparece unha frauta en fa o normal é querer saber ¿e cómo fas?, ¿cando ves un fa, fas que les un do cambiando de clave e tocas 0|123|4567 ou resulta que para ti, de xeito natural 0|123|4567 é do ou fa (e así coas demáis posicións) segundo a fratua que estés a tocar?
A resposta é a segunda. Para mín non resulta complicado, entre outras cousas porque anos atrás estudiei uns poucos anos de clarinete, instrumento que no seu rexistro grave se toca de xeito moi parecido a unha frauta de bico en fa e no seu rexistro agudo como unha frauta de bico en do. De feito os métodos para frauta de bico alto que coñezo (o de Helmut Monkemeyer editado por Moeck Verlag, o de Mario A. Videla por Ricordi ou o de Gudrun Heyens por Schott) así como as táboas de dixitacións que facilitan os fabricantes cos seus instrumentos asumen que 0|123|4567 é fa e non tratan ó instrumento como se fora transpositor. Tampouco a música escribiuse para a frauta en fa considerándoa un instrumento transpositor (estou a pensar no manuscrito do Concerto nº 4 de Brandeburgo do que a primeira páxina aparece na primeira entrada que lle dediquei neste depeteiro ou na Edición Walsh das Sonatas Op. 1 de G. F. Handel).

Ó contrario, se atendemos ó feito de que a frauta soprano era chamada en Inglaterra durante o Barroco fifth flute (frauta á quinta, xa que sona unha quinta por riba da alto ou consort flute), a norma ou referente sería a frauta en fa en tanto que a frauta en do sería a transpositora (como se pode ver no Concerto VI en re maior de John Baston para fifth flute coa parte do solista escrita en sol maior).

Naquelas ocasións nas que, pola razón que sexa, hai que tocar música escrita en notación real cun instrumento noutra afinación non queda outra que transportar: cambiar de clave mentalmente e cambiar as alteración segundo a tonalidade de orixe e a final. Por exemplo, no meu caso, que teño unha alto en fa e unha tenor en re, cando he de tocar algo coa tenor en re pero coa música escrita sen transportar preséntanseme dúas opcións:
  1. Transportar pensando que vou tocar unha frauta en do.
  2. Transportar pensando que vou tocar unha frauta en fa.
O primero caso significa tocar un ton por debaíxo do escrito, o que está en do maior le-lo como se  estivera en sib maior (chantar dous bemois máis á armadura) e o que está na clave de sol en segunda le-lo na clave de do en cuarta (o re da cuarta liña verémolo como un do).
O segudo caso significa tocar dous tons e medio por riba do escrito, o que está en do maior le-lo como se estivera en mib maior (colocar tres bemois maís á armadura) e o que está na clave de sol en segunda le-lo na clave de fa en cuarta (o re da cuarta liña verémolo como un fa).

Calquera  dos dous sistemas da o mesmo resultado, a dificultade de execución vai ser a mesma (independentemene da armadura resultante), pero no meu caso particular dáseme moito peor ler do en cuarta que fa en cuarta e resúltame moito máis natural a segunda alternativa.

Para aqueles que teñades que tocar por primeira vez unha alto en fa, o mellor é aprender e asimilar a dixitación axeitada, pero para sairdes do paso podedes transportar para tocala como se fose unha frauta en do. Ou o que é o mesmo, cada fa que esté na partitura deberédelo tocar coa posición que coñederes para o do nunha frauta en do, así que pensade ¿en qué clave a nota do primeiro espacio é un do?

No hay comentarios:

Publicar un comentario