lunes, 20 de enero de 2014

O nome da frauta

Parece claro que no referente ó nome que se lle da á frauta de bico hai unha coincidencia entre os distintos idiomas dos país onde este instrumento tivo aceptación, tanto na vertiente "doce" como "de bico" ou "de bloque".

Así, no noso idioma referímonos a ela indistintamente como "frauta de bico" ou "frauta doce", o primeiro en clara referencia ó extremo polo que se sopla (que se asemella ó peteiro dunha ave, a velahí tedes o orixe do nome deste blog) e o segundo polas características do seu son. Noutros países coñécese dos seguintes xeitos:
  • En Francia como "flûte à bec" ou "flûte douce" (tamén "flûte d'Angleterre" ou "flûte droite", un pola súa procedencia e outro por ser dereita-directa-recta, ambos en clara contraposición ó traverso tamén coñecido no seu día como frauta alemana).
  • En Italia, "flauto dolce" ou sinxelamente "flauto".
  • En Alemania "blockflöte" resaltando a existencia do bloque que axuda a dirixir o aire, do mesmo xeito que en Inglaterra era una "fipple flute", ainda que neste último país "fipple flute" é un término xenérico que abrangue a calquera instrumento que teña o devandito bloque e non é exclusivo da frauta de bico.
  • En Inglaterra tamén existe "beak flute", posiblemente como traducción do francés "flûte à bec". Pero o nome inglés maís recoñecido mundialmente é, curiosamente, "recorder", completamente alonxado do patrón común.
"Recorder" ten varios significados; ademáis de frauta de bico ou doce,  significa grabador ou rexistrador, para divertimento de que empregue traductores automáticos e se atope con "i'm playing the recorder" traducido como "estou a xogar o grabador". Ten relación con "record", rexistro, e deriva a fin de contas do latín de "re-" (prefixo co sentido de "de novo, outra vez") e "cor-cordis" (corazón) de onde proceden recordar, recordo, recordatorio, e tantas outras.
A relación con "record", rexistro, podería parecer o camño a percorrer, non tanto polo significado archivístico ou informático de "rexistro" senon polo musical: rexistro agudo ou grave o ben o rexistro dun órgano. Puidera parecer que por aquí vena a relación: a frauta sonaba en determiando rexistro da voz humana ou ben sonaba como un rexistro típico dun órgano de tubos. A metonimia fai o resto. Pero este "rexistro" é o de arquivo, o da lembranza ou recordo xa que o rexistro dun órgano, en inglés, é stop e non record. A fin de contas un arquivo permite lembrar feitos, datas, acontecementos.
Este rexistro é un falso amigo, tanto como o é "bizarre" de "bizarro", o primeiro é "estrafalario, choqueiro" e o segundo é "valiente, esforzado, xeneroso, lúcido, espléndido". Nada que ver. De momento.

No inglés medieval, record tiña un significado xa perdido hoxe, de "practiicar, cantar ou repetir unha melodía" e xa se coñecía por recorder á frauta de bico a principios do sXV.

Así pois, recorder ten que ver máis coa lembraza, o recordo (se nos quedamo co "repetir unha melodía") que co rexistro do órgano ou cunha grabadora.

Non o esquezades.

lunes, 13 de enero de 2014

Actus Tragicus: ¡Isto baixa a un mi bemol!

A Cantata BWV 106 "Actus Tragicus" foi compuesta por J.S. Bach en 1707 na súa estadía en Mühlhuasen, para dúas fratuas de bico, dúas vioals de gamba, catro voces (soprano, alto, tenor e baixo) e baixo continuo. Presúmese que para ser tocada no enterro do seu tío Tobias Lämmerhirt.

Desta cantata non se conserva o manuscrito, pero a Bach-Gesellschaft Ausgabe de 1876 vai proporcionar boas pistas.

En primeiro lugar, a armadura ten dous bemoles co la como bemol accidental en todalas voces (Mi bemol Maior, Do menor) ainda que hai partes da cantanta nas que a tonalidade móvese a La bemol Maior e Fa menor. Calquera delas implica unha cousa certa: o mi é bemol.

Na edición de 1876, na primeira páxina, previo ó comezo da Sonatina e só nas frautas de bico, aparecen os catro primeiros compases en clave de sol en primeira, pero coa armadura claramente en Fa Maior.
Cantata BWV 106 - Sonatina.
Avanzando na obra, imos atoparnos varias veces co mi bemol na primeira liña do pentagrama nas partes de ambas frautas de bico (resaltados en vermello):
Compás 66 - 2º movemento (Lento).
Compases 119 y 120 - 2º movemento (Vivace).
Compases 1, 4 y 5 - 4º movemento.
Non son todalas aparicións, só unhas poucas, suficientes para comprobar que non se trata dunha aparición casual.
O problema estriba en que ese mi bemol non se pode acadar cunha frauta de bico en fa, moito menos cunha en sol. Cunha tenor en do hai uns pasos, no Vivace do 2 movemento, polo re bemol na terceira octava que non son moi cómodos de tocar e que ademáis dependen en gran medida de que a frauta sexa capaz de emitir, co que o remedio pode ser peor que a propia enfermidade. O do sostenido ou re bemol nunha tenor en do é a nota equivalente ó fa sostenido ou sol bemol das alto en fa, nota que poucas frautas poden emitir sen recurrir a tapar o burato da campá.

Voltemos á primeira páxina. Hai catro compases que dan unha formidable pista: os catro compases nas voces das frautas escritos en Fa Maior. Coas partes das frautas de bico escritas en Fa Maior desaparece o mi bemol da armadura (e o mi bemol fora de tesitura convírtese a un fa, nota máis grave da frauta alto) sen que por arriba se presenten problemas de tesitura.

Agora ben, coas frautas en Fa Maior e o resto en Mi bemol Maior a obra non se pode tocar. ¿Qué sentido ten entón? Nesta época na Alemania de J. S. Bach coexistían dous diapasóns distintos, o Chorton (usado por voces e órganos, aprox. a460 Hz) e o Kammerton (empregado por conxuntos instrumentáis, aprox. a410 Hz) que estaban separados por un ton ou segunda maior. Se cantantes, continuo e violas de gamba afinaban en Chorton, a obra estaba escrita para frautas afinadas segundo o diapasón Kammerton (como apunta Nik Tarasaov en windkanal frautas en estilo francés, con rexistros graves máis potentes e afinadas neste diapasón máis baixo) que, o sonar un ton por debaixo requería escribir a súa parte un ton por arriba para compensar. De ahí esa lembranza na edición de 1876 de que as frautas tocaban en Fa Maior e o resto en Mi bemol Maior. A diferencia de diapasóns resolve a diferencia de tonalidade entre as frautas e o resto.

Iso era daquela. ¿Pero hoxe en día? Non hai frautas de bico en fa que cheguen ó mi bemol grave se nos centramos en copias de instrumentos da época e empregar frautas en do entraña outras dificultades nas notas máis agudas da partitura. Debido á reducida instrumentación, a NBA (Neue Bach-Ausgabe ou Nova Edición Bach) optou por transcribila totalmente a Fa Maior. Pero hai outras solucións que xogan cos diapasóns actuais (a440 e a415, separados medio ton). A que máis chamou a miña atención é a que propón Jacqueline Sorel:
Empregando para as dúas voces de frauta de bico escritas en Fa Maior sendas frautas en re en diapasón a440 e tocándoas como se fosen frautas en fa (é decir pechando todolos buratos ó ler o fa do primerio espacio en clave de sol), ó tempo que o resto (gambas, voces é órgano) tocan e cantan as súas respectivas partes en Mi bemol Maior, pero en diapasón a415.
Os frautistas tocan en Fa Maior como se tocaran en frautas en fa (tal como tocaran nos tempos de J. S. Bach), pero sonando en Re Maior a440. O resto sona en Mi bemol Maior a415. Como re e mi bemol están separados por medio ton, que é a diferencia que tamén existe entre 440 e 415, o resultado ós nosos ouvidos é como se todo o conxunto estivera a tocar a obra en Mi bemol Maior segundo o diapasón a415.

lunes, 6 de enero de 2014

Dinosaurios

Hoxe é un bo día para que os Reis Magos teñan deixado xuntos ós lustrosos zapatos -despóis de dar boa conta do turrón, uns mazapáns, o cava e un balde de auga para cada camello- esa copia dunha frauta de pico alto en fa segundo Bressan, cos seus anéis de marfil (sintético, eso si, que non é cousa de andar masacrando elefantes por iso), coa dixitación orixinal, afinada a 415 Hz (porque hai que chegar a un compromiso co resto do consort), en madeira de buxo europeo e ese acabad atigrado do estás namorado dende que o viches na web dalgún artesán.
Pois non. Non o fixeron. Desta non foi e haberá que seguir agardando. Mentras vós ides abrindo os regalos que vos teñan deixado, imos falar dos dinosaurios -con agarimo- extintos da familia das frautas de bico.

Tal vez o momento de maior esplendor das frautas de bico teña sido o Renacemento. Certo é que no Barroc escribuise moita e moi boa músca para a frauta de bico, pero tamén é certo que é nesta época cando se ve superada e desprazada polo traverso, que será o que ó final evolucionará ate converterse na frauta traveseira de hoxe e facer desaparecer á frauta de bico do repertorio musical, ate hai ben pouco.
É no Renacement cando a familia da frauta de bico creceu en número de instrumentos. Hoxe en día estou seguro de que en liñas xeráis a xente só identifica á frauta de bico coa soprano porque é a que habitualmente ensínase tocar nas escolas. Haberá quen incluso saiba de alomenos catro tipo, que por nome correspondense coa voz humana, e coñeza a soprano, alto, tenor e baixo; posiblemente tamén a sopranino e haberá quen tivera contacto con elas tocando nalgún cuarteto formado por frautas de bico.
Pero no Renacemento houbo unha verdadeira explosión e desenvolvemento na familia das frautas de bico. En parte, supoño, por ser un instrumento relativamente doado de construir, relativamente doado de tocar e, tamén relativamente, barato e, ademáis, debido á súa limitada extensión (entre unha decimoterceira -é decir unha octava maís unha sexta- e as dúas ocatvas), a única maneira de abranguer maís rexistros era construir máis e máis instrumentos na familia.

Michael  Praetorios (1571-1621) recolle, na Organographia do Syntagma Musicm a seguinte serie de instrumentos, relacionada de máis aguda a máis grave (de menor a maior tamaño), acompañada do grabado correspondente.
  • Klein flöttlin (sopranino) en sol4
  • Discant (soprano) en re4
  • Discant (soprano) en do4
  • Alt (contralto) en sol3
  • Tenor (tenor) en do3
  • Bassett (baixo) en fa2
  • Bass (baixo) en sib1
  • Groß Bass (contrabaixo) en fa1
Baseándonos nas descripcións e grabados do Syntagma Musicum de Michael Praetorios ou mesmo do Harmonia Universell de Marin Mersenne (1555-1648) temos constancia da existencia desde instrumentos daquela, do mesmo xeito que do achádego de fósiles temos constancia da existencia en tempos máis remotos dos dinosaurios. Ben, e grazas a que tamén se conservaron algúns instrumentos, en mellores ou peores condicións.
Por sorte, é máis sinxelo hoxe reconstruir ou recrear estes instrumentos partindo da información disponible, dos poucos exemplares conservados e do saber facer dos artesáns, que recrear un dinosaurio. E de feito hai artesáns animados a facelo. Venme á mente Adriana Breukink, que coas Schnitzer e as Bassano, ten na súa oferta toda unha familia formada por:
  • Sopranino en sol4
  • Soprano en re4
  • Soprano en do4
  • Alto en sol3
  • Alto en fa3
  • Tenor en re3
  • Tenor en do3
  • Basset en sol2
  • Baixo en fa2
  • Contrabaixo en do2
  • Contrabaixo en sib1
  • Subbaixo en fa1
  • Subcontrabaixo en sib0
Para ver e escoitar estes instrumentos podedes atopar no youtube a canle de The Royal Wind Music que, ainda que ten relativamente poucos videos, é realmente interesante.